Carlos Velo 2, 1º andar · 32500 O Carballiño 988530011 carballinocca@gmail.com comerciocarballino.org

Creado por Webmaster / 19 Xaneiro, 2017 / novas / Comentarios desactivados

VINTEÚN LOCAIS HOSTALEIROS OFRECERÁN ESTE VENRES PRATOS ELABORADOS CON ARROZ NUNHA NOVA XORNADA DA RUTA DAS TAPAS

Vinteún locais hostaleiros do Carballiño ofrecerán este próximo venres, 20 de xaneiro, pratos elaborados con arroz e outros produtos, nunha nova xornada das Ruta das Tapas.

Tartar de tres arroces con gulas, risotto con pulpo e queixo do Cebreiro, albóndigas con arroz Branco ou risotto con chipiróns, son algunhas das tapas que se presentaron hoxe e que se poderán degustar este venres a partir das 20,00 h., nos mesóns, bares e restaurantes adheridos a esta iniciativa gastronómica.

Ao acto, que se celebrou no salón de sesións do concello, asistiron os concelleiros de Turismo, de Promoción Económica e Cultura, José Manuel Dacal, Adolfo Nogueira e Diego Fernández, respectivamente; o presidente e a xerente do CCA, Julián Garriga e Noelia Mares; a xerente da adega Pazo Tizón e representantes dos hostaleiros.

O concelleiro de Turismo destacou o alto nivel culinario así como a abundancia das racións que estaba a ofrecer a hostalería nesta nova tempada da Ruta das Tapas e animou aos carballiñeses e visitantes a participar neste evento. Unha vez máis agradeceu a colaboración da hostalería, do Centro Comercial Aberto, da adega Pazo Tizón e de Aspadisi, que se encarga de repartir os carteis.

O presidente do CCA tamén felicitou á hostalería local, da que dixo que cada vez o fai mellor, e recordou que, precisamente, a persoa que gañou onte Master Chef o fixo cun risotto, nunha crara alusión á dedicatoria desta ruta ao arroz.

Finalmente, a xerente da adega Pazo Tizón recordou a idoneidade de acompañar estas tapas co viño branco Pazo Tizón Extramundi, premiado como o mellor viño branco do Ribeiro de colleiteiro o pasado ano.

As tapas poden degustarse ao prezo de 2 euros en calquera destes 21 establecementos hostaleiros, podendo ademáis participar nun sorteo ao final da tempada con premios por un valor total de 2.000 euros.

tapas arroz

presentación tapas